Friday 03 de May de 2024

O Museo de Belas Artes da Coruña ofrece o domingo un concerto do guitarrista Samuel Diz no marco do XXI Ciclo de Concertos “Música para unha época”


— Forma parte do programa de actividades deseñado polo Museo con música, formación, conferencias e visitas guiadas, entre outras alternativas

— A entrada é libre ata completar a cabida e poderá seguirse tamén en liña a través da canle YouTube

— O ciclo impulsado pola Xunta remata o 8 de maio co dúo interdisciplinar Lab.51, formado pola soprano Johanna Vargas e a pianista Magdalena Cerezo

O Museo de Belas Artes da Coruña ofrece o domingo 8 de abril o concerto Retrato de muller do guitarrista clásico tudense Samuel Diz, no marco do XXI Ciclo de concertos Música para unha época. A sesión terá lugar ás 12,00 no salón de actos do museo, con entrada libre ata completar a cabida, e poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube.

Activo intérprete e investigador da música da primeira metade do século XX, o programa previsto por Samuel Diz para o domingo inclúe sete pezas. A súa participación no ciclo responde a unha das principais ilusións artísticas do autor, achegar a música aos espazos museísticos desde o rigor e a coherencia co legado custodiado e tratando a música como ben patrimonial en si mesma.

Tras arrancar o pasado marzo coa agrupación Vertixe sonora, o ciclo Música para unha época continúa o 8 de maio co dúo interdisciplinar Lab.51, formado pola soprano Johanna Vargas e a pianista Magdalena Cerezo. O principal obxectivo desta formación é transformar o concepto tradicional de Liedduo, xuntando a voz e o piano coa arte performativa e os recursos multimedia. Esta actuación pecha o ciclo organizado polo Museo de Belas Artes. Ademais, o centro súmase con esta última proposta ao Festival Resis de música contemporánea da Coruña, celebrado cada ano en diferentes espazos da cidade.

Curso sobre arte
Estes concertos forman parte do programa de actividades deseñado polo Museo de Belas Artes, con música, formación, conferencias e visitas guiadas, entre outras alternativas. Así, vén de comezar tamén o curso Os temas da arte: España/artes visuais (1941-1975), impartido polo comisario de exposicións Alberto Cartón. As sesións desenvólvense os martes de 11,30 a 12,30 horas, desde o 5 de abril ao 14 de xuño.

O obxectivo é dar a coñecer artistas que, concretamente en Galicia e na diáspora americana, crearon unha imaxe-concepto da realidade moderna desde linguaxes artísticas internacionais. A información sobre as actividades organizadas pode consultarse na web do museo.